http://gl.wikipedia.org/wiki/Redondela
...
Monumentos
Viaduto de Pontevedra
Os viadutos de Redondela
A vila de Redondela está presidida por dous viadutos do século XIX considerados como Ben de Interese Cultural (BIC). Son o viaduto de Madrid, que actualmente se atopa en desuso, e o viaduto de Pontevedra, que aínda hoxe continúa operativo e circula por el o transporte ferroviario. Debido a estas dúas infraestruturas Redondela é coñecida como a "Vila dos viadutos".
O máis antigo é o Viaduto de Madrid, construído seguindo o modelo de Eiffel. En Redondela combinouse coa técnica da canteiría tradicional para facer os pilares de Pedra. Esta ponte entrou en funcionamento o 30 de xuño de 1876, sendo parte da liña Vigo-Ourense. Este viaduto soportou o paso dos trens durante máis dun século, porén a Compañía de Ferrocarrís nunca aprobou as obras. Isto provocou o suicidio dun dos seus mentores polo restraso dos pagos, tirándose dende o alto de este viaduto[Cómpre referencia]. É o de máis lonxitude cun total de 411 metros.
O Viaduto de Pontevedra, inagurouse o 30 de xuño de 1884, pola necesidade de comunicar a liña Ourense-Vigo con Pontevedra. O seu tramo principal está conformado por vans metálicos e utilízase a cantería granítica para os tramos de acceso. Na actualidade aínda está en servizo e pasan por el os trens da liña Vigo-Pontevedra.
O patrimonio relixioso
Unha das características do Concello é a abundancia de elementos patrimoniais de carácter relixioso de gran valor como son os cruceiros e os petos de ánimas. Por todo o concello pódense observar numerosos cruceiros de pedra asociados a ritos relixiosos e sobre eles esténdense numerosos ritos e lendas. Xeralmente están situados en encrucilladas de camiños e en lugares de boa visibilidade.
No concello tamén hai varios petos de ánimas, elementos funerarios de culto aos mortos, xa que antes de ir ó ceo as "ánimas" deben pasar polo purgatorio. Son monumentos relacionados coa cultura ós mortos existente en Galicia. Moitos de estes petos de ánimas aínda conservan o seu carácter máis relixioso e se lle rinde culto. Estes monumentos teñen tres partes fundamentais: o pedestal, o retábulo e a cruz.
Neste mesmo grupo de monumentos reliosos tamén podemos encontrar un considerable número de cruces de pedra, que se clasifican en dous grupos: altas e baixas.
O listado destes monumentos no concello de Redondela é o seguinte:
* Reboreda: 10 cruceiros.
* Cesantes: 5 cruceiros, 1 cruz baixa, 1 peto.
* O Viso: 5 cruceiros, 2 cruces altas e 1 peto de ánimas.
* Cedeira: 2 cruceiros, 1 cruz alta, 1 cruz alta e 2 petos.
* Redondela: 5 cruceiros e 1 peto de ánimas.
* Chapela: 2 cruceiros, 1 peto de ánimas.
* Cabeiro: 2 cruceiros, 1 cruz baixa.
* Quintela: 2 cruceiros, 1 cruz baixa.
* Saxamonde: 1 calvario, 1 cruceiro e 1 peto de ánimas.
* Trasmañó: 1 cruceiro, 2 cruces altas.
* Ventosela: 2 cruceiros.
* Vilar de Infesta: 2 cruceiros.
* Santo Esteban: 1 cruceiro.
Ademais no apartado relixioso destacan varios edificios como o "Convento" da parroquia de Vilavella ou a igrexa barroca de Cedeira.
Igrexas
O concello de Redondela posúe polo menos unha igrexa por parroquia coas características peculiares e os elementos patrimonias que conteñen cada unha destas. De todas formas é necesario destacar a importancia da igrexa parroquial de Santiago de Redondela e da igrexa barroca de Cedeira.
Igrexa parroquial de Santiago: situada no casco antigo, na súa zona máis alta, está situado en pleno camiño de Santiago. Despois de múltiples reconstrucións a igrexa actual está datada no século XVI e é de estilo gótico tardío.
Igrexa parroquial de Cedeira: no século XVIII prócedese a ampliación da ata daquela pequena igrexa parroquial, e contrátase para tal obra ó arquitecto de moda na actualidade, o arquitecto Fernando de Casas e Nóvoa, que nese momento estaba en plena construción da fachada do obradoiro da catedral de Santiago. En Cedeira realiza unha igrexa barroca de cruz latina cunha soa nave distribuída en dous tramos. Chaga ata os nosos días de forma casi inalterada.
Convento de Vilavella: situado na parroquia de Vilavella cerca do centro de Redondela, foi fundado no 1501 e estivo ocupado polas monxas de San Lourenzo Xustiniano. Do seu trazado orixinal consérvase a igrexa de cinco tramos.
...